Os montes Pónticos ou Alpes Pónticos (en turco:Kuzey Anadolu Dağları, que significa Montes de Anatolia do Norte) forman unha cordilleira no norte de Anatolia, Turquía. Son coñecidos como Montes Parhar nas linguas locais turca e grego póntico. O vocábulo Parhar procede dunha palabra hitita que significa "alto" ou "cumio".[1] En grego antigo os montes coñecíanse como os Paryadres[2] ou montañas Parihedri.[3]
O cordal vai de leste a oeste, paralelo á próxima costa do mar Negro. Esténdese polo nordés ata Xeorxia e polo oeste ata o mar de Mármara, co contraforte ao noroeste dos montes Küre (e a súa extensión occidental, os montes Akçakoca) e dos montes Bolu, seguindo a costa. O pico máis alto da cordilleira é o Kaçkar Dağı, que alcanza os 3937m. As fallas de Anatolia Norte e de Anatolia Nordés, de leste a oeste, corren ao longo do cordal.