Saltar ao contido

Xesús no islam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaXesús no islam
Image
Editar o valor en Wikidata
Biografía
NacementoReino herodiano Editar o valor en Wikidata
Desapariciónc. 33 Editar o valor en Wikidata, Xetsemaní Editar o valor en Wikidata
Mortesen valor Editar o valor en Wikidata
sen valor Editar o valor en Wikidata
Profetas do islam

← Yahya ibn Zakaryia – Muhammad in Islam (en) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIslam Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpredicador, misioneiro Editar o valor en Wikidata
Familia
NaiMariam Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
nacemento virxinal Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteIslamskiy enciklopedicheskiy slovar
Islam: an encyclopedic dictionary (en) Traducir
New World Encyclopedia Editar o valor en Wikidata

No islam, Xesús ou Isa (en árabe: ʿĪsā ibn Maryam عِيسَى ٱبْنُ مَرْيَمَ; literalmente, "Xesús, fillo de María") é o penúltimo profeta e mensaxeiro de Deus e do Mesías, enviado para guiar aos Fillos de Israel cun libro chamado Injīl (Evanxeo).

No Corán, descríbese a Xesús como o mesías (en árabe: al-Masīḥ), nacido dunha virxe e obrador de milagres quen, acompañado polos seus discípulos, é rexeitado polas autoridades relixiosas xudías. Porén, en contra da narrativa tradicional cristiá, non se menciona a súa crucifixión nin a súa resurrección; no seu lugar, dise que foi salvado por Deus e ascendeu aos ceos. O Corán sitúa a Xesús entre os grandes profetas e refírese a el con diversos títulos. Xesús foi precedido polo profeta Yahya (Xoán Bautista) e seguido por Mahoma, que segundo o Corán foi mencionado polo propio Xesús baixo o nome de Ahmad.

Para os cristiáns, Xesús é a encarnación de Deus, o Fillo de Deus feito carne, mais o Corán négalle calquera divindade a Xesús en varios dos seus versos, ao tempo que insinúa que o propio Xesús nunca se declarou persoalmente Deus ou Fillo de Deus. O islam ensina que a mensaxe orixinal de Xesús foi alterada (en árabe: taḥrīf). Como o resto de profetas do islam, Xesús é chamado tamén musulmán (literalmente, "sometido [a Deus]"), xa que predicou aos seus seguidores o seguimento da "vía recta" (en árabe: Ṣirāṭ al-Mustaqīm). A tradición islámica atribúelle unha gran cantidade de milagres a Xesús.

Segundo a escatoloxía islámica, Xesús regresará unha segunda vez para matar ao falso mesías (en árabe: ad-Dajjāl); despois, as antigas tribos de Gog e Magog (en árabe: Yaʾjūj Maʾjūj) dispersaranse. Unha vez Deus acabe con elas, Xesús reinara sobre o mundo establecendo a paz e a xustiza, para logo finar de morte natural e ser soterrado xunto con Mahoma no cuarto nicho da Cúpula Verde de Medina.

Nacemento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Natividade de Xesús.
Véxase tamén: Maryam (surah) e María no islam.

O Corán comeza a historia de Xesús contando o nacemento da súa nai, María, e o seu servizo no templo de Xerusalén baixo o coidado do profeta Zacarías, que sería o pai de Yahya (Xoán Bautista). A natividade de Xesús empeza nas seccións 19:16-34 e 3:45-53 do Corán.[1] Existen diversas variacións desta narración e engadidos feitos por historiadores musulmáns en séculos posteriores. Malia que a teoloxía islámica afirma que María era un "recipiente puro", non admite o concepto da Inmaculada Concepción propio do cristianismo.[2][3][4]

Anunciación

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Anunciación.

A exexese islámica sostén o nacemento virxinal de Xesús en Belén, dun xeito similar aos Evanxeos.[5] A narración comeza co anuncio do anxo Gabriel a María, declarándoa honrada sobre as mulleres de todas as nacións coa boa nova dun fillo puro.[6]

Gabriel sentencia que o fillo deberá chamarse Xesús, o Mesías, e que será un gran profeta. María pregunta como é posible a concepción se nunca tivo contacto cun home, ao que o anxo contesta que Deus decretar a súa vontade e facela realidade.[7]

A continuación, María supera as dores do parto grazas a unha corrente de auga que aparece baixo os seus pes para beber, e unha palmeira da que tomar dátiles para se alimentar. Tras o nacemento, leva ao seu fillo ao templo, onde é cuestionada polos anciáns. Xa que Gabriel lle ordenou manter silencio, María apunta ao bebé, que proclama:[8]

Xesús afirmou: "Son realmente un servo de Allah. El destinoume para ser profeta e recibir a Escritura. Fíxome unha beizón para calquera lugar polo que pase, e pediume que estableza a oración e ofreza a esmola namentres viva, e que sexa bo coa miña nai. Mais non me fixo arrogante ou provocador. A paz sexa comigo o día que nacín, o día que morra, e o día que regrese de novo á vida!"
Corán, 19:30-33

A capacidade de falar dende o berce é un dos seis milagres atribuídos a Xesús no Corán, unha noción que tamén aparece no Evanxeo árabe da infancia, un texto do século VI.[9][10] Segundo varios hadiths, nin Xesús nin María choraron durante o nacemento.[11]

Narracións do nacemento

[editar | editar a fonte]

A fe islámica reproduce algunhas ideas presentes na tradición cristiá sobre a virxindade de María (ou Maryam) no momento da concepción de Xesús. A descrición máis detallada da anunciación son as suras 3 e 19 do Corán, onde se indica que Deus (Allah) enviou un anxo para comunicarlle a Maryam que pronto tería un fillo, malia ser virxe.[12]

Algúns especialistas sinalaron que a sura 19 é moi semellante ao Evanxeo de Lucas.[13] A anunciación é mencionada dúas veces no Corán, e en ambas as dúas María recibe a mensaxe de que foi escollida por Deus para ter un fillo. Na primeira destas mencións, o mensaxeiro (que, para moitos musulmáns, é o arcanxo Gabriel) adopta a forma dun home.[14]

O historiador musulmán do século VIII, Ibn Ishaq (704-767), escribiu no seu Kitab al-Mubtada ("Libro sobre o comezo") que Zacarías foi o gardián de María durante un breve tempo, até que xa non puido mantela. Xa que logo, trasladouna cun carpinteiro, Xurxo. Recluída nunha igrexa, atópase cun mozo chamado Xosé; ambos axúdanse mutuamente, realizando tarefas como a recollida da auga. Porén, a súa descrición do nacemento de Xesús segue a versión do Corán, engadindo que o parto en Belén sucedeu xunto a unha palmeira infectada.[15]

Pola súa banda, o erudito persa al-Tabari (839-923) menciona a chegada de emisarios do rei de Persia con agasallos para o Mesías (dun xeito similar aos Reis Magos), así como a orde dada a un home chamado Xosé (non se especifica se é o marido de María) para levar a nai e fillo cara a Exipto, e despois regresar a Nazaret.[16]

  1. ↑ Watt 2013, p. 18.
  2. ↑ Kearns 2008, pp. 254-255.
  3. ↑ McDowell & Walker 2013, p. 12.
  4. ↑ Leirvik 2010, p. 47.
  5. ↑ Watt 2013, p. 19.
  6. ↑ Khalidi 2001, p. 51.
  7. ↑ Leirvik 2010, p. 58.
  8. ↑ Watt 2013, p. 31.
  9. ↑ Leirvik 2010, p. 34.
  10. ↑ Zebiri 2000.
  11. ↑ Glassé 2001, p. 239.
  12. ↑ Sarker 2004, p. 260.
  13. ↑ Jackson 2003, p. 73.
  14. ↑ Peters 2009, p. 23.
  15. ↑ Watt 2013, p. 39.
  16. ↑ Watt 2013, p. 46.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]