Os atikamekw son un pobo indíxena que habita a área chamada Nitaskinan ("a nosa terra"), no val superior do río Saint-Maurice do Quebec, no Canadá. A súa poboación rolda arredor das 8000 persoas. Unha das principais comunidades é a de Manawan, a uns 160km ó nordeste de Montreal. Tradicionalmente, dedicábanse á agricultura, á pesca, á caza e á recolección. Teñen fortes relacións co pobo innu, dos cales eran aliados históricos contra os inuit.
A lingua atikamekw, unha variedade da lingua cree que pertence á familia de linguas álxicas, é aínda empregada no día a día, o que a converte nunha das linguas indíxenas menos ameazadas de extinción.[2] Porén, as súas terras tradicionais foron apropiadas polas empresas madeireiras e o seu xeito de vida tradicional está case extinto. Só un pequeno número de familias viven da elaboración das tradicionais canoas e de cestos de cortiza de bidueiro. O seu nome, que significa literalmente "peixe branco do lago", tamén é escrito ás veces como "atihkamekw", "attikamekw", "attikamek" ou "atikamek". Os colonizadores franceses referíanse a eles como Têtes-de-Boules, traducible como "cabezas de balón" ou "cabezas redondas".
↑"Cultures et traditions"(en francés). Conseil des Atikamekw d'Opitciwan. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 9 de marzo de 2010.
↑First Nation Profiles (ed.). "Tribal Council Detail". Aboriginal Affairs and Northern Development Canada. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2014. Consultado o 26 de outubro de 2012.