Os británicos[8] son os cidadáns do Reino Unido, dos Territorios Británicos de Ultramar das dependencias da Coroa e os seus descendentes.[9][10] A lei nacional británica é a que goberna ás persoas de cidadanía e nacionalidade británica, que pode ser adquirida, por exemplo, por ser descendente de británico. Cando o termo é usado nun contexto histórico pode refererirse ós britanos celtas, os habitantes indíxenas de Gran Bretaña e Bretaña, cuxos superviventes son os modernos pobos galés, córnico e bretón.[10]
Malia que as primeiras identificacións como británicos datan da Baixa Idade Media, non foi até a creación do Reino de Gran Bretaña[11][12][13][14][15] en 1707 cando xurdiu o sentido de identidade nacional británica.[16] A noción británica forxouse durante as guerras napoleónicas entre o Reino Unido e o Primeiro Imperio Francés, e desenvolveuse durante a época vitoriana.[16][17] A complexa historia de formación do Reino Unido creou un "sentido particular de nacionalidade e pertenza" en Gran Bretaña e Irlanda;[16] A británica converteuse nunha "identidade superimposta en identidades anteriores", como a inglesa, a escocesa, a galesa e a irlandesa, cuxas particularidades culturais resistiron a homoxeneidade da identidade británica.[18] Por mor das duradeiras divisións etnosectarias, a identidade británica en Irlanda do Norte é controvertida, pero é mantida firmemente polo sector unionista da sociedade.[19]
Os británicos modernos son descendentes de diversos grupos étnicos que se asentaron nas Illas Británicas antes do século XI: poboacións prehistóricas, britanos, romanos, anglosaxóns, nórdicos e normandos.[20] A progresiva unificación política das Illas Británicas facilitou o intercambio migratorio, cultural e lingüístico, ademais dos matrimonios mixtos entre ingleses, escoceses e galeses durante a Idade Media, a Idade Moderna e posterior.[21][22] Dende 1922 produciuse un proceso de inmigración cara ó Reino Unido por xente procedente da República de Irlanda, da Commonwealth, da Europa continental e doutros lugares. Eles e os seus descendentes son maioritariamente británicos, e manteñen unha identidade británica, dobre o dual ou múltiple.[23]
Os británicos son unha sociedade diversa, multinacional[24][25] e multicultural, con "fortes acentos, expresións e identidades rexionais".[26][27] A estrutura social do Reino Unido cambiou radicalmente dende o século XIX, cun declive da relixiosidade, un crecemento da clase media, e a partir da década de 1950, un incremento da diversidade étnica. A poboación do Reino Unido rolda os 62,5 millóns,[28] cunha diáspora de 140 millóns concentrada en Australia, o Canadá, Suráfrica, Hong Kong, Nova Zelandia, os Estados Unidos de América, Irlanda, Francia e España.[29]