O motín a bordo do navío da Mariña Real Británica tivo lugar o 28 de abril de 1789 no medio do océano Pacífico. Un grupo de tripulantes insatisfeitos, liderados polo axudante de mestre Fletcher Christian, tomaron o control da embarcación de mans do seu capitán, o tenente William Bligh, a quen deixaron á deriva a bordo dun bote con poucas provisións xunto con outros dezaoito mariñeiros que permaneceron leais. Os amotinados establecéronse en Tahití ou nas illas Pitcairn, mentres que Bligh conseguiu realizar unha viaxe de máis de 6 500km ata atopar terra, comezando entón un proceso para que os amotinados comparecesen ante a xustiza.
O Bounty deixara Gran Bretaña en 1787 para recoller e transportar árbores do pan desde Tahití ata as Indias Occidentais. A disciplina entre os homes deteriorouse tras cinco meses de descanso pasados en Tahití, período no que moitos mariñeiros viviron en terra e estableceron relacións con mulleres nativas. A relación de Bligh coa súa tripulación foi empeorando a medida que impoñía castigos cada vez máis severos e aumentaba as súas críticas e abusos, tendo Fletcher Christian como branco frecuente. Este terminou por organizar con éxito un motín contra o capitán unhas tres semanas despois de que o navío deixase Tahití.
Bligh logrou regresar a Gran Bretaña en abril de 1790, e o Almirantado británico enviou o para prender os amotinados. Catorce foron capturados en Tahití e aprisionados no navío, que entón procedeu a buscar (sen éxito) a Christian e o resto dos homes que se esconderon nas Pitcairn. A fragata Pandora encallou na Gran Barreira de Coral no camiño de volta, perdendo 31 tripulantes e catro prisioneiros do Bounty. Os dez restantes chegaron a Gran Bretaña en xuño de 1792 e foron xulgados nun consello de guerra; catro foron absoltos, tres indultados e tres aforcados.
O grupo de Christian permaneceu sen ser descuberto ata 1808, data en que só un dos amotinados, John Adams, seguía vivo. Case todos os demais homes, incluído Christian, matáranse entre eles ou morreran a mans dos reféns polinesios. Non se tomou ningunha acción contra Adams. Os descendentes dos amotinados coas súas consortes tahitianas viven ata hoxe nas Pitcairn. A percepción que acabou calando no imaxinario popular foi a de Bligh como un tirano e Christian como unha vítima tráxica das circunstancias, percepción rexistrada en varias películas sobre os eventos. Con todo, a historiografía dos séculos XX e XXI están a reflectir unha imaxe máis amable de Bligh.
A castaña na cultura popular galega: O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal. A castaña ten tamén os nomes de baloca, bullote, cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco. Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela). As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixeríbeis. Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo, que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas.
A Wikipedia é unha enciclopedia universal en liña multilingüe, colaborativa e gratuíta. O propósito da Wikipedia é fornecer un contido libre, obxectivo e verificable que todas as persoas poidan editar e mellorar.
O proxecto está baseado en cinco principios básicos, todo o contido está dispoñible baixo a licenza Creative Commons BY-SA e pode ser copiado e reutilizado baixo esta mesma licenza.
De acordo coas nosas estatísticas, temos un total de 177125 contas de usuario rexistradas na Galipedia, e entre elas 426 estiveron activas durante o último mes. Todas as persoas que editan a Galipedia son voluntarias, integrando unha comunidade colaborativa e coordinando os esforzos por medio de proxectos temáticos e diversos espazos de conversa.