A dose absorbida é unha magnitude que representa a enerxía específica (enerxía por unidade de masa) depositada por radiación ionizante na materia viva. A dose absorbida utilízase no cálculo de absorción de dose nun tecido vivo tanto no ámbito da protección radiolóxica (para protección fronte efectos nocivos da radiación) como no campo da oncoloxía radiolóxica (para a explotación dos efectos beneficiosos da radiación, por exemplo, no tratamento do cancro). Esta magnitude tamén se emprega para comparar directamente o efecto da radiación sobre a materia inerte, como no endurecemento por radiación.
A unidade de medida no SI é o gray (Gy), que se define como un joule de enerxía absorbida por quilogramo de materia.[1][2] Existe unha unidade máis antiga no sistema CGS (non SI): o rad, que ás veces tamén se emprega, maiormente en EE.UU.