Saltar ao contido

Mari Lwyd

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Image
Fotografía antiga do Mari Lwyd, na Biblioteca Nacional de Gales (Photo Album 929 A)

O Mari Lwyd[1] é unha celebración que forma parte das tradicións do Nadal e aninovo de Gales e que se conserva nalgunhas zonas, en particular en Llangynwyd e Maesteg[2], recuperándose recentemente noutras localidades.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A orixe do nome Mari Lwyd non está clara pero existen dúas explicacións posibles[3], podería vir do inglés mare, egua, e llwyd[4] é gris. A outra explicación sería que Mari fose María e lwyd equivalería a santo segundo o modelo de Duw lwyd (Deus Santo), unha forma literaria da Idade Media.

Características

[editar | editar a fonte]

O Mari Lwyd consiste nunha caveira de cabalo[5] fixada no cabo dunha abaloira de madeira; axúntase unha saba branca á base da caveira para que tape a abaloira é a persoa que leva o Mari Lwyd. Os ollos fanse con arandelas nas que se meten vidros de botella ou simplemente con botóns. Engádense, como adobío, cintas de cores.

Durante a cerimonia unha cuadrilla leva en procesión polas rúas a caveira parando nas casas para cantaren cancións tradicionais, establecéndose unha especie de regueifa, coñecida como pwnco, entre os habitantes da casa e os cuadrilleiros. A composición desta cuadrilla variaba nas distintas localidades, en Glamorgan formábana o Mary Lwyd, o Mordomo, o Sarxento, o Pallaso e un Xan e unha Xana[6]. Unha vez que os habitantes da casa lles permitían o paso, o Mari Lwyd perseguía ás mulleres novas, o Pallaso tocaba o violín e a Xana facía que varría o chan, cando acababan as cántigas e os bailes dábanlle comida e bebida aos cuadrilleiros, ao marchar desexábanlles á familia saúde e felicidade durante todo o ano[7].

  1. ↑ Mari Lwyd, ou na forma plena Y Fari Lwyd, é a denominación máis estendida, pero tamén recibe localmente outros nomes como Pen Cefyll ou Y Warsel: Norman Lewis Thomas The Story of Swansea's Districts and Villages. Guardian Press, 1964, páxina 288
  2. ↑ John T. Koch Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. ABC-CLIO, 2006, páxina 1260
  3. ↑ Trefor M. Owen Folclore galés. Laiovento, 1997, páxina 72
  4. ↑ A palabra llwyd, seguindo a gramática galesa, muta para lwyd en determinados contextos: Antony Dubach The independence of phonology and morphology: the Celtic mutations ZAS Papers in Linguistics 32, 2003, pp. 47–86
  5. ↑ Ás veces tamén se empregaba un taco de madeira: Evan Powell History of Tredegar. South Wales Argus, 1902, páxina 118
  6. ↑ Trefor M. Owen Ob. cit. páxina 67
  7. ↑ Robin Gwyndaf Welsh Folk Tales. National Museum Wales, 1989, páxina 99

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]